Friday 10 de May de 2024

Mais de 2.300 visitantes participaron no 2018 no programa de educación ambiental do Parque Natural das Fragas do Eume


A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio comezará nos vindeiros días un proxecto de mellora en varias zonas do parque, onde se invisten máis de 55.000 euros

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou a un grupo de 140 escolares de 3 a 11 anos do Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago na súa visita ao Parque Natural das Fragas do Eume, onde participaron no programa de educación ambiental con visitas guiadas.

Ata o de agora, neste ano un total de 2.300 visitantes participaron deste programa nas Fragas do Eume, “xa que unha peza clave da política de conservación da natureza é dar a coñecer e facilitar a visita aos espazos naturais, para que poidan coñecer e gozar so patrimonio natural galego, ademais de concienciarse da necesidade da súa conservación”, dixo o delegado territorial. Do total de visitantes, 1.219 foron escolares procedentes de 27 centros escolares.

Ademais, Ovidio Rodeiro tamén coñeceu de primeira man o proxecto de mellora de varias instalacións do parque, onde a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá algo máis de 55.000 euros. As obras, que teñen un prazo de execución de tres meses, céntranse en catro actuacións.

Grazas a esta iniciativa construirase unha nova pasarela peonil de madeira sobre o río Senín. Esta instalación sitúase no entorno de Encomandeiros, na ruta máis transitada do parque e terá 15 metros de lonxitude e 1,5 de ancho. O proxecto tamén contempla mellorar e reforzar os pasos de auga da pista forestal Pousadoiro, única alternativa á estrada para chegar a Caaveiro en vehículo, polo que resulta fundamental de cara á seguridade e xestión do parque natural.

Ademais, o parque contará cunha nova área recreativa no centro de visitantes de Monfero, que contará con zona axardinada, árbores autóctonos e 10 mesas e bancos de madeira tratados con autoclave. Por último o proxecto tamén permitirá o arranxo das fontes na área recreativa Alameda. As obras están cofinanciadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder-Galicia 2014-2020.

O Parque Natural das Fragas do Eume foi visitado en 2017 por arredor de 37.000 persoas. Conta cun centro de interpretación e recepción de visitantes en Ombre e 8 itinerarios sinalizados, que suman case 50 quilómetros.